Monday 06 de May de 2024

A Xunta avoga pola “unidade, o diálogo e o consenso” para facer fronte á violencia de xénero


Susana López Abella destacou o importante papel da educación como a mellora ferramenta para erradicar calquera forma de violencia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta mañá o ‘II Congreso Internacional de Intervención e Prevención de Violencia de Xénero’, no que avogou pola “unidade, o diálogo e o consenso” de todos e todas para facer fronte ao problema da violencia machista.

Neste sentido, apelou á unidade de todas as forzas políticas e ao traballo conxunto de Administracións, Poder Xudicial, Forzas e Corpos de Seguridade, medios de comunicación e asociacións especializadas, entre outros colectivos. Así mesmo, destacou o importante papel da educación como a mellora ferramenta para erradicar calquera forma de violencia.

No caso da Administración galega, sinalou que existen axudas, servizos e recursos para que as mulleres que “queiran romper o seu silencio e saír da morte en vida na que viven cando son vítimas da violencia machista”, poidan facelo.

Por exemplo, destacou que o Goberno galego foi pioneiro na articulación das axudas económicas ás mulleres vítimas de violencia de xénero e que desde o ano 2006 beneficiáronse delas preto de 2.700 persoas, cun orzamento de case 22 millóns de euros. Neste momento hai 336 mulleres percibindo este tipo de axudas.

A Secretaría Xeral da Igualdade tamén puxo en marcha un programa de atención psicolóxica no que colabora o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Desde que se arrincou, no ano 2009, xa se atenderon a preto de 2.400 persoas, entre mulleres, menores e persoas con dependencia directa das vítimas.

Un ano de grandes avances
López Abella informou dos importantes avances que fixo o Goberno autonómico este ano no desenvolvemento da Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, ao constituírse o Consello Galego das Mulleres, o Observatorio Galego da Violencia de xénero e a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista.

Outro fito importante foi a apertura en xuño do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, que desenvolve un modelo de atención integral para as vítimas, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico, que permita evitar duplicidades e racionalizar a xestión.

No acto de apertura do congreso, a secretaria xeral da Igualdade estivo acompañada polo Valedor do Pobo, José Julio Fernández, o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Santiago, María José Corral.